Monday 23 de September de 2024

O goberno local propón refundir nunha única ordenanza catro normas municipais en materia urbanística


Esta cuestión foi sometida hoxe a ditame da Comisión Informativa e será elevada ao Pleno ordinario que se celebrará o xoves.

Este xoves terá lugar o Pleno ordinario do mes de setembro. Hoxe celebrouse unha sesión da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas precisamente para someter a ditame unha das cuestións que se elevarán ao Pleno, consistente na proposta de simplificación e actualización das ordenanzas reguladoras dos distintos servizos urbanísticos.
As normativas municipais en vigor nesa materia están dispersas en catro ordenanzas diferentes. A realidade actual require que sexan actualizadas e refundidas nun único texto que abarque, tamén, outros supostos non previstos no regulamento anterior -como por exemplo, as comunicacións previas nas obras ou a expedición de copias polos servizos urbanísticos- co propósito de simplificar a tramitación administrativa.

A ordenanza fiscal resultante, de acadarse o acordo plenario, sería a número 3.2 e regularía a taxa por títulos habilitantes de natureza urbanística, constituíndo o seu feito impoñible a actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar que os actos de edificación e uso do solo se axustan ao planeamento e lexislación urbanística vixentes. A normativa fixaría as cotas tributarias polos diferentes conceptos, tales como a sinalización, licencias, cambios de titularidade, inspección de actividades, verificación de espectáculos públicos con venda de entradas, títulos habilitantes de primeira ocupación e expedición de documentos oficiais. Para os supostos non incluídos noutros epígrafes, a cota tributaria sería, por regra xeral, do 0,4 % da base impoñible da taxa.

A aprobación desta normativa implicaría a derrogación de catro ordenanzas vixentes, tres delas desde o ano 2018 (licencias urbanísticas, de primeira utilización e de comunicacións previas) e unha que data do 2011 (elaboración de resolucións e declaracións de natureza urbanística).

Deja un comentario